Sunday 08 de September de 2024

A canle de Whatsapp do Concello de San Sadurniño achégase ás 200 persoas usuarias


Vai para catro meses que o Concello de San Sadurniño activou a súa canle informativa en Whatsapp. Un medio que veu engadirse ás outras plataformas municipais na rede coa finalidade de que a veciñanza estea ao tanto dos avisos, noticias e previsións de axenda institucionais, pero tamén de aqueloutros contidos producidos polo tecido asociativo. Desde a súa posta en marcha xa son case 200 as persoas que se uniron á canle, algo que se pode facer desde móbiles ou ordenadores premendo nesta ligazón.

As canles de Whatsapp só permiten que a persoa ou institución titular -neste caso o Concello- envíe mensaxes ao grupo de persoas subscritas, pero en ningún caso poden funcionar para responder preguntas ou entablar conversas. Ademais, nas canles mantense a confidencialidade dos datos, posto que o Concello só sabe cantas usuarias seguen a canle, pero en ningún caso o seu nome ou número de teléfono.

Ademais de subscribirse á canle picando nesta ligazón, de cara a non perder ningunha novidade é moi recomendable activar en Whatsapp as alertas, que están anuladas por defecto tanto en dispositivos Android como en iOS.

Unha vez dentro da canle, nos teléfonos Android só hai que premer no icono da campá situada na esquina superior dereita. Para quen teña un iPhone a cousa complícase un chisco: hai que ir a Novidades (esquina inferior esquerda)>>Canle Concello de San Sadurniño>>pulsar no circuliño cos tres puntos da esquina superior dereita>>Info da canle>>Desactivar opción silenciar. Feito isto, cada vez que haxa unha nova publicación compartida saltaranos como notificación na pantalla do móbil, igual que cando recibimos un Whatsapp.

A canle entrou en funcionamento a mediados do mes de marzo e nos últimos catro meses xuntou -ata hoxe- un total de 192 persoas usuarias ás que lles chegaron máis de 80 mensaxes de servizo público como por exemplo avisos de cortes na subministración de auga, de restricións ao tráfico na zona urbana, noticias e eventos de axenda organizados tanto polo Concello como polas entidades do territorio.

Para que os colectivos poidan publicitar todas as súas citas -festas, cursos e outras convocatorias- abonda con enviar un correo correo@sansadurnino.gal ou a concellodesansadurnino@gmail.com (tamén vale unha mensaxe directa a través de Facebook), indicando o evento do que se trate, a data ou datas e, de ser o caso, o prezo e maneiras de anotarse (importante facilitar teléfonos e/ou correos electrónicos de contacto).

Cos datos recibidos elaborarase unha pequena información para publicar na web municipal e compartila na canle de Whatsapp. Eses contidos tamén irán nas demais redes sociais municipais -Facebook, X, Instagram, Threads, Google Calendar…- e enviaranse aos medios de comunicación comarcais. Se chegan en tempo para o seguinte número, tamén se incluirán no boletín informativo municipal “Novas” que se distribúe porta por porta cada mes e medio.